martes, 6 de febreiro de 2018

Teimas enceta a programación de Entroido de Forcarei:::

O Concello de Forcarei vén de pechar a súa programación do Entroido 2018, que rexistra unha importante variación con respecto a edicións anteriores, xa que decidiron unificarse as festas infantil e de adultos nunha mesma xornada e co mesmo horario co obxectivo de facilitar a loxística dos proxenitores e impulsar unha xornada de convivencia festiva e familiar. O programa de actividades do Entroido 2018 arrancará o venres 9 coa representación da comedia “Teimas”, a cargo da compañía Disfunción Continua Teatro, no auditorio de Soutelo de Montes. Esta obra, dirixida por Jouse García, terá lugar ás 21.00 horas. Xa o Sábado de Entroido, 10 de febreiro, celebraranse as mencionadas festas con concurso de disfraces nas respectivas categorías de cativos e adultos desde as 18.00 horas no Centro Social de Forcarei. Os premios serán similares aos das edicións anteriores e contarase coa presenza de mascotas do mundo Disney e dunha discoteca móbil para animar a xornada. Por outra banda, o municipio tamén acollerá outras actividades de Entroido, neste caso na localidade de Soutelo de Montes e organizadas pola Asociación de Nais e Pais (Anpa) do colexio público. Así, o sábado 10 haberá unha festa de Entroido con degustación de pinchos elaborados polo chef Rubén García, que é o encargado de cociña do centro educativo. Será desde as 19.30 horas e poderán degustarse empanadas, croquetas, tostas e pinchos morunos, entre moitas outras tapas. Xa o domingo 10, a localidade soutelana acollerá unha festa de disfraces desde as 16.30 horas que incluirá un concurso de filloas con degustación popular. Estas dúas actividades celebraranse no colexio.

martes, 4 de xullo de 2017

Disfunción estrea nova produción: DEPARTAMENTO DE SELECCIÓN:::

Será o vindeiro domingo 9 de xullo ás 20.30h na Casa da Cultura de Antas de Ulla (Lugo) Desta volta Disfunción Continua Teatro entra de cheo na voráxine do mundo laboral. É unha obra pensada para o público adulto e na que unha serie de personaxes encaran un proceso de selección de persoal. Pero non vai ser  nada doado porque as probas de acceso ao traballo convértense nun xogo cruel e perverso, onde o cinismo, egoísmo a intolerancia e falta de empatía se van converter nas súas armas. Ao público tócalle a parte de decodificar os comportamento das personaxes, non só en canto á reflexión sobre o comportamento humano senón tamén da sociedade de mercado na que nos tocou vivir. Aínda que a dinámica xera momentos máis divertidos e cómicos, tamén ten un cariz dramático, deses que fan un nó na gorxa; a deshumanización á que nos avoca o capitalismo, convertíndonos en inimigos e duros competidores, dispostos á loita salvaxe na que o todo vale está á orde do día.
Dirixida por Jouse García conta no seu elenco coas seguintes actrices: Clara Iglesias, María Porto, Natalia Carbajal, Beatriz del Río e Rosa López. A parte técnica correspóndelle a Miguel Ares. Esta obra ten unha duración aproximada de 80 min. Polo momento, ademais da estrea, está tamén confirmada a presenza de "Departamento de Selección" no Auditorio do Conservatorio de Aguiño (Ribeira) o vindeiro 18 de novembro.


mércores, 17 de maio de 2017

Teimas chega a Cereixo o próximo 10 de xuño ás 20.30h

O vindeiro SÁBADO 10 de xuño no LOCAL SOCIAL de CEREIXO, Disfunción Continua Teatro volve representar TEIMAS. Será unha función enmarcada dentro do programa "O Teleclube da Comedia" do Concello da Estrada. Como novidade, lembremos que contamos con Rosa López no papel de Lilí en substitución de Guille Pose. A función é totalmente gratuíta ata esgotar butacas, polo que cómpre ir cedo para asegurarse un lugar no que pasar unha hora de risas aseguradas. TEIMAS é unha produción de Disfunción dirixida por Jouse García e que conta no seu elenco con Bea del Río, Natalia Carbajal, María Porto, Rosa López, Gonzalo Valcárcel, Clara Iglesias e Manuel Rosende. Miguel Ares é o técnico de son. A historia que conta esta divertida obra de teatro lévanos á consulta dun afamado doutor en psiquiatría que "che debloquea o desbloqueable" Así é que á súa consulta acoden pacientes con teimas do máis variadas. Aos poucos vanse coñecendo e creando lazos mentres agardan a chegada do doutor.
Entrevista en Radio Estrada o pasado 6 de maio con motivo da función en Callobre:


martes, 25 de abril de 2017

Teimas en Callobre o próximo sábado 6 de maio:::

O sábado da próxima semana, o 6 de maio de 2017 o TELECLUBE DA COMEDIA leva TEIMAS ao Centro Social de Callobre. A función será ás 20.30h e a entrada gratuíta. Trátase dunha comedia interpretada por DISFUNCIÓN CONTINUA TEATRO  e que conta a historia dunha consulta psiquiátrica á que van chegando pacientes con distintas teimas. Agardan polo Dr Teixeiro, toda unha eminencia no mundo da terepia dete tipo de doenzas. Na sala de espera iremos coñecendo as súas vidas, inquedanzas, esperanzas, ilusións... A función ten unha duración de 80 minutos e está dirixida por Jouse García. No elenco contan con coñecidos actores da Estrada coma  María Porto no papel de Camila, Clara Iglesias como  Branca, Beatriz del Río no papel de María, Rosa interpreta a  Lilí,  Natalia Carbajal é  Ana,  Gonzalo Valcárcel dálle vida ao personaxe de  Fred e Manuel Rosende  interpreta ao axudante do Dr Teixeiro, no apio técnico de son e luz contan  con Miguel Ares.

martes, 6 de decembro de 2016

"TEIMAS" ENCETA A PROGRAMACIÓN DE NADAL DE PORTAS:::

O pasado domingo o auditorio do Centro Cultural A Azucreira de Portas encetaba a súa programación de Nadal coa representación de Teimas por parte da nosa compañía DISFUNCIÓN CONTINUA TEATRO. Un centenar de persoas foron cómplices cos personaxes desta obra que manifestan ter distintas teimas que lle dificultan algúns aspectos da súa vida diaria. Teimas está dirixida por Jouse García e conta no seu elenco con Nati Carbajal, Bea Del Río, Gonzalo Valcárcel, Clara Iglesias, María Porto, Guille Pose e Manu Rosende, o técnico de son é Miguel Ares e Servando realiza o apio loxístico. Todo un equipo que despide en Portas a xira de TEIMAS en 2016 con 14 representacións ao longo de toda Galicia. En 2017 volverá aos palcos con Teimas e con algunha que outra sorpresa, no entanto Portas segue a súa actividade de Nadal con múltiples actividades.







xoves, 17 de novembro de 2016

Tarde de teatro en Cerdedo con "Teimas" de Disfunción Continua Teatro:::

Este sábado 19 no Centro Cultural de Cerdedo ás 19:30 horas e coa entrada de balde, DISFUNCIÓN CONTINUA TEATRO representa TEIMAS, a obra ten unha duración aproximada de 75 minutos e non se recomenda para menores de 16 anos. Trátase dunha comedia de enredo que se desenvolve na consulta do Doutor Teixeiro e á que van chegando unha serie de personaxes con cadansua teima. Será capaz esta eminencia internacionalda psicoloxía de axudarlles? A conversa entre os seis pacientes que agardan polo afamado doutor derivará nunha tola interacción chea de humor coa que máis de un se ha sentir identificado.
Con esta función Disfunción volve preto da casa para dar vida á consulta do Dr Teixeiro, logo de mover a obra por distintos concellos galegos. A semana pasada participaban na Mostra de Teatro "Terras de Orcellón" do Carballiño cunha notable afluencia de público. As vindeiras  funcións son en Aguiño (Ribeira) o próximo sábado 26 ás 20.30h e en Portas o 4 de decembro ás 18.30h


martes, 25 de outubro de 2016

En novembro, novas funcións de TEIMAS:::


TEIMAS continúa en carteleira e neste novo mes de novembro que se achega, DISFUNCIÓN CONTINUA TEATRO vai estar presente en tres novos auditorios de Galicia, neste caso as citas serán no Carballiño, Cerdedo e Aguiño (Ribeira) 
A obra TEIMAS xa pasou o ecuador das 10 representacións e segue sendo demandada, tendo previstas novas funcións tamén para decembro.
As citas que nos ocupan serán o 13 de novembro ás 19h no auditorio da vila do Carballiño dentro do certame "Terras de Orcellón", O Concello de Cerdedo, dentro da súa programación cultural, tamén contará con Teimas o próximo sábado 19 no auditorio do Centro Culural. E, finamente, a localidade de Aguiño, en Santa Uxía de Ribeira acolle unha función de TEIMAS o próximo 26 de novembro ás 20.30h no auditorio do Conservatorio da parroquia.
A pesar de ter novos proxectos en mente, DISFUNCIÓN CONTINUA TEATRO continúa a súa andaina co aclamado Dr Teixeiro, único que trata as "teimas" máis divertidas e inesperadas por todo o mundo.